Convócanse as eleccións do 21-O nun escenario de destrución xeneralizada dos dereitos e condicións de vida do pobo galego traballador.
As políticas imperialistas da Unión Europea aplicadas polos gobernos burgueses veñen ao longo de décadas conducindo á destrución do tecido produtivo galego, industrial , agro-gandeiro, pesqueiro, e á ruína de miles de pequenos produtores e comerciantes. Creando un vasto exército proletario, abocado na actual etapa á sobreexplotación, ao desemprego e á emigración. Pero cada vez fican menos sitios onde migrar, como consecuencia das dimensións planetarias da crise estrutural do capitalismo.
Con preto de 300 mil parados e paradas en Galicia, os sucesivos ataques aos dereitos sociais e laborais e aos servizos básicos, o roubo masivo de vivendas pola banca e o encarecimento dos produtos de primeira necesidade, colocan ao bordo da indixencia a milleiros de galegas e galegos que aínda onte se chamaban a si mesmos "clase media". Privando á nosa mocidade dun futuro digno de tal nome e entregando aos nosos maiores a unha situación de desprotección absoluta que se "resolve" recrudecendo a dobre explotación da muller traballadora nos ámbitos laboral e doméstico.
Neste escenario, as diversas manobras e reagrupamentos do reformismo baixo a consigna do imposible retorno ao estado de benestar distraen e enganan á clase obreira ofrecendo falsas solucións indoloras a cambio de renunciar ao proxecto da súa autoorganización independente como clase para a conquista do poder.
É ilusorio, e un engano, na agudizada situación da loita de clases, diluír en chamamentos vagamente cidadanistas, patrióticos e interclasistas o papel protagónico e dirixente que corresponde á clase obreira na necesaria confrontación que se aveciña.
A clase obreira non poderá soa facer fronte á guerra de clases desatada contra ela, pero tampouco o fará baixo a dirección da burguesía nin da pequena burguesía. Senón en estreita alianza co resto dos sectores populares baixo un programa estratéxico de superación dun sistema capitalista que xa esgotou o seu papel histórico e non reserva máis que violencia e miseria aos traballadores.
Quen tachan de incompetente e ineficaz ao actual goberno autonómico do PP omiten que este está a executar con altísimos niveis de eficacia os plans da oligarquía monopolista e a UE do capital para reducirnos á miseria e a escravitude e remontar a súa taxa de ganancia desangrando ao pobo traballador.
Non é posible, hoxe, outro capitalismo que o da sobreexplotación sen límites, a violencia contra a clase obreira e a guerra imperialista.
A estas eleccións, os comunistas do PCPE acudiremos en candidaturas de unidade comunista e obreira co irmán Colectivo marxista-leninista Forxa! e con decenas de amigas/os que comparten a nosa loita. Listas que, baixo a denominación de COMUNISTAS DA GALIZA son integradas por destacados cadros do movemento obreiro, membros de comités de empresa, sindicalistas, loitadoras e loitadores pola defensa do medio ambiente da depredación capitalista, estudantes, mozos e mozas, traballadoras e traballadores que quixeron acudir nas nosas candidaturas para facer chegar ao pobo traballador o noso programa clasista e revolucionario e para avanzar na unidade.
Pero na unidade non para xestionar o capitalismo senón para derrubalo e construir a sociedade socialista. Non hai intereses nin proxectos comúns entre os explotadores e os explotados: Ou eles, ou nós.