Foro Comunista

¿Quieres reaccionar a este mensaje? Regístrate en el foro con unos pocos clics o inicia sesión para continuar.

    Carta aberta da militancia da Xuventude Comunista en Ourense sobre a súa disolución

    JoseCarlos
    JoseCarlos
    Novato/a rojo/a
    Novato/a rojo/a

    Cantidad de envíos : 1
    Reputación : 7
    Fecha de inscripción : 14/07/2015

    Carta aberta da militancia da Xuventude Comunista en Ourense sobre a súa disolución Empty Carta aberta da militancia da Xuventude Comunista en Ourense sobre a súa disolución

    Mensaje por JoseCarlos Miér Jul 15, 2015 6:33 pm


    A historia da Xuventude Comunista en Ourense foi a historia dunha disidencia comunista ata o da súa hoxe disolución. Os feitos non son de todo descoñecidos na militancia desta organización, mais dun xeito distorsionado tal e insuficiente que cremos convinte expólos ante esta e mailo resto do movemento comunista do conxunto do estado nunha autocrítica colectiva sobre este peche de ciclo na nosa militancia. Por primeira vez dende a reconstrución da súa estrutura organizativa na nación galega, estouraba unha crise no seo do órgano de dirección nacional a través da representante do conxunto da militancia dunha comarca de, atendéndonos a criterios meramente cantitativos, unha das principais organizacións comunistas xuvenís con presenza a dia de hoxe en territorio galego: a Xuventude Comunista (UJCE). No inverno do 2014, tras meses de procurar unha resolución do desencadenante desta situación no plano nacional, a militancia de Ourense decide en plenario elevar unánimamente ao órgano central de garantías democráticas da UJCE unha serie de irregularidades que se constituían como ataque liberal á organización desta comarca que rematarían por precipitar a escisión/disolución da mesma aínda cando as prosélitas do centrismo das direccións central e nacional pretendían reducir o conflito ao “esquerdismo” de certos elementos perturbadores coa esperanza de extirpar un cancro da súa militancia que estaba xa en metástase meses atrás. Despois dun amplo debate e varias reunións coa propia comisión de garantías e control e secretariado xeral da organización (a derradeira hai apenas uns días), resólvese unilateralmente dende a dirección central dar o asunto por zanxado instando á militancia de Ourense a esquecer ás súas posicións en prol dun “traballo práctico” que se considera dende a UJCE máis importante.

    A isto decimos non, e damos hoxe un paso resolto fóra do lameiro erguendo a bandeira comunista. Isto é evidente, pero por que motivos? por que nós? por que agora? O tempo de máis que o revisionismo dominou no movemento comunista deste país non pasa sen factura, e polo tanto non nos debe extreñar que este impuxera unha sorte de protocolo no que a escisións entre comunistas se refiere baseado no seu liberal estilo de traballo, que adoita preferir unha saída/disolución pola calada acompañada dunhas liñas “en positivo” falando triunfantemente de obxetivos cumpridos e rezumando un narcisismo infantil que renega de balances críticos en prol dunha mutua “non-agresión” aínda créndose no certo. Da outra parte tampouco debera sorprender a ninguén o devir interno previsible cando se produce unha escisión na sempre “verdadeira organización revolucionaria”: a negación pública da maior apuntalando con elementos externos unha actividade práctica local (no sentido máis estreito desta) que a medio prazo esvaécese no aire, seguida da inmediata campaña interna de calumnias contra unhas militantes comunistas cuxo único delito consistiu en manter opinións discrepantes das sostidas pola maioría da dirección da súa organización, no canto da análise seria dos problemas de fondo plantexados polas agora “renegadas” que lle fan o xogo á oligarquía monopolista española “chamando ao debate en pleno envite duns acontecementos que nos superan” (sic) mediante unha sinistra actividade fraccional, etc. Sen o máis leve intento de proba, sen poder citar un só texto que demostren esas e outras acusacións similares. ¡Que agardar senón a clásica ladaíña de epítetos das nosas centristas empregada dende sempre para impedir toda discusión real na súa organización e esmagar ás discrepantes! Ao final, a mesma alma Belida nas dúas caras dun fenómeno ao que estamos demasiado mal acostumadas as comunistas.

    Mais se afirmamos aquí que a versión previsible dende o grupo maioritario da dirección da Xuventude Comunista sobre as nosas posicións ideolóxicas e políticas caerá no mellor dos casos nunha burda caricatura destas; que lle abonda a esta camarilla para desacreditarnos ante as súas bases a divulgación dun suposto traballo fraccional que é mera fábula; e que de calquer xeito, non podemos evitar pensar que por fundamentada que sexa a nosa escisión da UJCE (nin a primeira nin probablemente a última, como ven acontecendo nos últimos anos), o resultado práctico inmediato sexa de vox clamantis in deserto polas razóns expostas liñas atrás: que nos propomos exactamente con esta carta aberta? Cando decimos que resolvimos dar un paso fóra do lameiro, falamos primeiro que nada de recoñecérmonos como parte da interioridade social e afirmar a inexistencia de atalaias sobre as que observármonos dende o exterior, polo que un peche de ciclo na nosa militancia comunista entendemos debe pasar necesariamente por un estudo crítico dese suxeito-obxecto, do seu estado, do seu facer e do seu ser. A «crítica desapiadada de todo o existente» á que hai quen teima en porlle murallas de papel na nosa ex-organización. Cremos neste sentido que para avanzar cara o desenrolo dunha vangarda do proletariado que mereza tal nome, cómpre contribuirmos a impulsar un debate público e aberto sobre as diferencias de fondo entre as organizacións e colectivos comunistas actuais como puntal da mesma máis aló das desavinzas políticas ou organizativas puntuais que adoitan caracterizar estas disolucións (se ven estas poden aparecer coma fetiches dese gran debate de fondo sobre a liña, e sen esquecer tampouco que é no concreto que se expresa a totalidade). No caso que nos ocupa, foinos completamente imposible ata o último momento facer comprender á dirección da UJCE (e aínda ao total da militancia galega de fóra de Ourense) que a ideoloxía non podía ser un elemento de mercadeo máis para un acordo liberal de “pacificación orgánica”; e no tocante a nós mesmas como disidencia de esquerda, tampouco logramos superar colectivamente un marco ideolóxico que nos relega prácticamente á negación simple ao vérmonos precipitadas nesta saída pola iniciativa liquidadora da dirección nacional da Xuventude Comunista a partir do segundo semestre do ano 2013.

    Pero que cabía senon saírmos do lameiro enzoufadas de lama? No que pretendimos non caer nunca foi en determinacións “estructuralistas”. Dende o mesmo momento no que emprendimos o proceso interno contra as camaradas do secretariado político nacional dende as que se nos dirixía a política liberal co fin da nosa liquidación progresiva e silenciosa, fumos quen de evitar unha simplificación fatalista da relación base-dirección que nos levara a conclusións de obxetividades disolventes da necesidade da confrontación ideolóxica nese proceso (auto)creador de suxeitos revolucionarios materiais. Reivindicamos pois como materialistas dialécticas ao suxeito obxectivado determinado polas súas circunstancias externas, como non; mais tamén ao obxecto suxeitivado creado e modificado pola acción do determinado: velaí a necesidade dunha crítica totalizadora que non se deteña no suceso concreto que aparentemente provoca a ruptura, senón que supere ese marco “empirista” sometendo tamén a exame á propia examinadora (de onde vimos? a onde imos?) máis aínda cando esta é tan heteroxénea nas súas posicións. Non é esta pois unha veleidade que fagamos pública cunha finalidade destructiva cara a Xuventude Comunista, senon en esencia un exercizo autocrítico ao constituírmonos como diverxencia da ata o de agora nosa organización. Exercizo que fóra dunha realización exclusivista ante un pequeno grupo representante da dirección da UJCE, consideramos debe exporse abertamente e sen medo para o noso desenrolo ideolóxico a través da confrontación teórica no seo do movemento comunista. Non pecamos con todo de ilusas e somos ben conscientes de que non se vai desatar de entrada por esta carta ningún debate de calado nin na propia Xuventude Comunista, nin por suposto alén da mesma. Tampouco cremos, insistimos, que constituamos polo momento unha liña definida como para emprender esta confrontación nin no marco organizativo do que saimos como hipotética fracción, nin fóra deste como un destacamento de vangarda máis do movemento. Do que se está a falar aquí é da necesidade de situar a ideoloxía ao mando, de darmos os primeiros pasos cara unha liña que recoñeza a necesidade da independencia política do proletariado.

    ¿Que garante senón este para para a correcta correlación entre medios e obxectivo final que nos evite caer no oportunismo? Para que o proletariado inicie unha andadura política independente dende posicións ideolóxicas propias en torno á que se organice, cómpre unha liña política revolucionaria elaborada dende o comunismo, dende a análise concreta da situación concreta (isto é, atendendo á correlación real de forzas de clase e ao estado da loita de clases en función do obxectivo final). Tal é a política verdadeiramente proletaria que a vangarda debemos levar ao movemento práctico, e tal é a liña que albiscamos no terreo teórico (fundamentalmente) e no marco da loita de liñas. Reivindicamos decididas a necesidade da resolución teórica das contradicións para a súa resolución práctica na marcha da loita da clase obreira; condición esta que nos impera a concretar/planificar as tarefas de vangarda revolucionaria dende a análise científica da realidade que pretendemos transformar e que ao noso ver, cremos impedidas na militancia na UJCE. Con todo, e para desgusto de quen se revolca na lama, non hai nunca desenrolos unilaterais; e cremos non desatinar ao afirmarmos que esta carta si pode provocar a curto-medio prazo unha resposta de elementos individuais da vangarda que reaccionen de xeito constructivo á nosa proposta (e isto é algo continxente, por suposto, á propia organización galega da UJCE). Polo que a nós respecta, cremos que vale xa a pena este exercizo de autocrítica pública en tanto interese sequera a unha soa comunista dada a situación pola que pasa o movemento na Galiza e fóra desta (véxase o reforzamento político da ala dereita ao que vimos asistindo nos últimos anos parello ao que acontece no resto do estado). A esa moza adicamos os nosos esforzos para a súa elevación a unha posición dende a que poida comprender e desenrolar esta loita a morte entre posicionamentos antagónicos; e como se pode comprender, non queda outra para tal propósito que a exposición aberta e rigurosa das diferencias de fondo entre comunistas.

    Non nos preocupa neste sentido ser unha minoría (que outra posición de partida cabe agardar dado o contexto actual?), xa que a futura conquista progresiva da hexemonía é precisamente o que nos permitirá contribuír a crear unha subxectividade referencial cara a revolución armada. ¡Coitadas das que pensen que abonda con chamadas ao silencio nas súas filas e a memorizar os documentos congresuais da súa organización! Precisamente, a quen saca peito ante a “minoría esquerdista” de “estar coas masas” nas súas manifestacións, sindicatos e plataformas reivindicativas (cando non partidos políticos!); lembrámoslle que precisamente por iso é maior a súa responsabilidade da marxinalidade dun movemento que nin está nin se lle espera na política a grande escala. Ulas masas en folga coa súa vangarda dotando de contido revolucionario esas mobilizacións? Nin coa profunda crise económica actual temos as sempre ausentes “condicións obxectivas”? Seguimos pensando que o problema é que “as obreiras son parvas”? Dende logo, temos que darlles a razón ás que se agochaban tralos “acontecementos que as superan” para eludir dar resposta ás nosas críticas: constitúe este o mellor diagnóstico da súa organización nun sentido amplo, e á vez, irónicamente unha afouta toma de partido dentro do que sería un desfile covarde de despropósitos que pretendían exorcizar a vergoña propia negación da maior mediante. Pero volvamos á disidencia: non cabe pensar desta certo oportunismo deixando de lado o que poidan ter de atinadas as súas críticas? Aquí, como resulta obvio, imos topar cunha dicotomía na resposta só resoluble levando a cabo un estudo co maior dos rigores sobre a natureza das diverxencias das disidentes e mailo curso da loita de liñas na organización como determinante da primeira (é dicir, do movemento no que a diverxencia desenrólase, concrétase e mesmo modifícase).

    Malia que tome o mando a bile, a ninguén da nosa ex-organización élle estraña a nosa posición encontrada durante anos ca maioría no que respecta á defensa de principios coma o de revolución socialista armada e ditadura revolucionaria do proletariado fronte ao cretinismo parlamentario dun “proxecto estratéxico” que hoxe se recoñece fracasado no seu propósito. Canto menos, era bo non esqueceran a mofa coa que se recibían as “parrafadas” das “esquerdistas” de Ourense (falabamos antes de alma Belida?). Se a UJCE pretendía curar a posterior crise de unidade na organización galega, non debería comezar por asumir consecuentemente que había un “desacordo” que ven de atrás? Porque se hai desacordo, entendemos cómpre penetrar ata o fondo do mesmo; e con tanta máis tenacidade e seriedade canto hoxe por hoxe, a Xuventude Comunista non vive ningunha fase dramática da súa loita interna, e que no que concirne á comarca de Ourense, non había senón en último termo unha intención xeral de afondar de xeito apasionado, severo, riguroso. Obviamos con todo nestas liñas recoller unha compilación do total de encontros de fondo que protagonizou nos últimos congresos da UJCE a extinta organización comarcal de Ourense en temas como os de táctica-plan, cuestión nacional, internacionalismo proletario, etc. por considerarmos, insistimos de novo, que ao non constituirmos un grupo articulado en torno a unha liña definida da que só comezamos a ver os trazos fundamentais; esta caería máis nun exercizo de “catarses” individuais dun retufo positivista (como lamentablemente adoita acontecer nestes casos) ca nunha aportación seria á loita de liñas no movemento. Se se comprende axeitadamente dende a lectora este marco previo, se cadra deixe neste punto de parecerlle tan difuso e comece a comprender que un aparente suceso illado (neste caso, un ataque liquidador baseado en egos persoais) provoque unha disolución organizativa que se reclama non-oportunista ao chamar con esta a un debate sobre as cuestións de fondo no movemento comunista. ¿Mais podían as renegadas de Ourense realizar mellor ese afondar que reivindican dentro dos canles da UJCE (no seu vindeiro congreso, por exemplo) que por medio dun exame dende fóra? ¿Tivo unha resolución axeitada pola organización o suceso concreto que nos trae ata esta carta e estamos ante un infantilismo de manual?

    Os problemas de organización e os principios que os regulan foron sempre un tema tabú para sometelo a discusión tanto na UJCE coma na maior parte do panorama do movemento comunista do estado. Á meirande parte das militantes preocúpalle non expór ao perigo de innovacións ou desenrolos aventureiros o que semella esencial para toda revolucionaria: a organización de vangarda unida, disciplinada, combativa, tal e como nola transmitiu unha longa tradición e que a loita de clases aínda esixe. É unha preocupación que explícase e xustifícase tanto nos fripóns que sinten que unha renovación poría en perigo as súas posicións, coma nas militantes sinceiras conscientes da dificultade de improvisar unha organización e da posibilidade de rápido dexenere desta. O patrón de organización “leninista” (cremos que isto é moi discutible no actual panorama, se ben concedemos a categoría nun sentido nominal a efectos de comodidade da lectora) é froito dunha longa sedimentación teórica, dunha paciente construción de cadros experimentados que ao cuestionarse, corre certamente o perigo de abrir un baleiro que pode comprometer por moitos anos o éxito dunha liña. Dende logo, estamos dacordo co “mieux vaut un désastre qu'un desêtre” pero é preciso verificar que se xustifica unha prudencia tan “excesivamente celosa”. ¿Podemos acaso dicir que, no seu estado actual, a UJCE constitúe esa organización de vangarda proletaria xuvenil que agrupe sequera á maior parte das comunistas do estado español? E se como acontece, non cumple con ditas características, ¿trátase só dun atraso na práctica en relación ao modelo/liña, ou ben cómpre discutir e renovar estes? De calquer xeito, nas contadas ocasións ao longo dos nosos máis de 10 anos de militancia nas que a UJCE participou no movemento práctico do proletariado (é decir, do parello da aristocracia obreira e pequena burguesía ao que subalterna a súa liña) resulta indiscutible que o seu rol foi sempre dun compoñente máis; dun estímulo, máis ca o de vangarda dirixente. Aquí as limitacións da liña política son evidentes, pero a concepción da organización tamén é responsable: a propia estrutura, os seus métodos de traballo, os principios reitores da súa vida interna amósanse inadecuados, sexa en relación ás esixencias do movemento, sexa en relación á mesma liña política que pretende seguir. ¿Como explica a UJCE que as súas militantes non saian das frontes que non poucas veces constrúe con esforzo militante, ou a tendencia dominante na “data de caducidade” dos cadros que forma? Onde queda a autocrítica tan propia das comunistas?

    Nós topamos que precisamente o mecanismo do poder e da reglamentación da vida interna da UJCE constitúe un dos principais atrancos para a nosa continuidade nesta, aínda nun suposto de fracción. Non quere dicir isto que renunciemos do centralismo democrático, pero se queremos evitar unha concepción estreita do mesmo como na que caen as nosas oportunistas (que non tardan neste sentido en invocar a “ortodoxia leninista”), consideramos débense analizar cales son as regras, escritas ou non, de funcionamento do centralismo democrático ceibándoas da néboa acumulada tras décadas de disputas ideolóxicas (no sentido pexorativo desta palabra). Pois se consideramos o centralismo democrático só como a esixencia dun continuo equilibrio entre democracia e centralismo, a subordinación da minoría á maioría, a disciplina na acción trala liberdade na discusión, a loita contra a burocratización á par que contra o individualismo, o rexeitamento das fraccións e da inmobilización entre tendencias internas; resulta difícil atopar sequera un partido abertamente burgués que non concorde con ditas regras. Pero estas non nos caeron ás comunistas do ceo escritas en dúas táboas de pedra, senón que Lenin as extrae a partir do desenrolo da súa teoría do Partido Comunista (ao que considera vehículo dunha conciencia revolucionaria dende o exterior inspirada por unha ciencia da dinámica social e garantizada por un corpo revolucionario profesional vinculado cas masas proletarias nun todo orgánico) no seu movemento práctico revolucionario, sistematizándoas no que coñecemos hoxe como centralismo democrático a través do modelo de Partido que nos legou a Internacional Comunista. O problema é que nesta concepción vulgarizadora da teoría organizativa leninista que denunciamos, atopamos que a formación da vontade política colectiva realízase mediante un debate levado cara o interior da organización a través de unidades sucesivas do vértice á base. Un modelo que non necesariamente liquida toda discusión interna e conduce ao predominio dunha camarilla (vallan como mellor exemplo as discusións de gran madurez política e saúde orgánica que nos legou a tradición revolucionaria bolchevique creadora deste sistema), pero que nas condicións actuais do movemento, entendemos só favorece á ala dereita deste.

    Cómpre pois que comecemos a desmitificar o “neutro” dunha concepción organizativa que comparte a práctica totalidade do movemento comunista do estado español, e expoñamos que o esquema formal segundo o cal a liña sería establecida polo congreso e aplicada polo comité central é, nas autodenominadas organizacións marxistas-leninistas, en gran parte ficticio. O congreso é certamente unha gran campaña de discusión e consulta da militancia; mais os límites da discusión son establecidos dende o comezo, non tanto pola existencia dun documento previo que define a plataforma a discutir, canto porque ese documento é o froito dun acordo político redactado polo grupo dirixente na súa totalidade, o cal é presentado ante a militancia como a liña da organización que debe defenderse a calquer prezo (un bó exemplo no caso da UJCE son o proxecto estratéxico de EU ou a referencialidade sindical de CC.OO.). Cada un pode, no interior da súa organización nacional/rexional e con sorte ata dende un posto na delegación ao congreso, expresar o seu disentir individual; pero a organización, como aparello e estrutura, está implicada na defensa desa liña. Como consecuencia, o dereito ao desacordo permanece abstracto: tómanse en conta determinadas opinións, mais non hai posibilidade de que estas se reagrupen de xeito que sexa posible correxir as opcións que se fixeron ao comezo. A eficacia deste mecanismo é indubidable, e o congreso convírtese polo tanto nunha grande manifestación onde se confrontan ideas e contribucións; pero a súa composición, a orde do seu desenrolo, etc. limitan enormemente as opcións reais que deben porse en práctica. Proba disto é que, no curso da historia da UJCE, non sabemos dun só congreso que modificara no máis mínimo as cuestións políticas de fondo do grupo dirixente. Do mesmo xeito, o comité central composto por representantes da totalidade de “federacións nacionais/rexionais” e “organizacións sectoriais centrais” non traballa como órgano efectivo de dirección: este non deixa de convertirse nunha sorte de “parlamento” no seo do cal constitúense organismos de dirección (comisión política, secretariado) que traballan non como órganos executivos, senón como os verdadeiros órganos de dirección política colocador por riba do comité central. Así, presentan ao CC as decisións acordadas aínda sobre problemas que escapan á súa competencia (como aconteceu no noso caso a raíz da nosa denuncia ante a comisión de garantías e control sobre o ataque liquidador da dirección galega): o que en termos de principio, constitúe de facto un delito de fraccionalismo.

    Como se pode comprender, considerar que podiamos “confrontar (de novo) nas canles da organización as nosas opinións sobre cuestión de fondo” ou é ignorancia ou é puro cinismo (e nin sequera tocamos de soslaio algo tan importante como o papel que xoga o liberalismo nestes procesos!); ¿pero que acontece no tocante a un suceso como o que nos empurra a esta saída? ¿Como procede a “organización marxista-leninista” cando se pon en tela de xuízo dende a base militante a unha parte integrante da dirección ofrecendo probas para as súas acusacións? Sen pretenden aquí duplicar unha exposición cronolóxica dos feitos e un debate xa recollidos nas cartas anexas á CGC que incluimos ca presente, si cremos de utilidade expór a nosa crítica á reunión “a catro bandas” secretariado xeral – comisión de garantías e control – comisión política galega – militancia de Ourense, coa que a UJCE pretendía dar carpetazo final tralo fracaso das vías “políticas” de solución (sectoralizacións á carta, autocrítica compartida CPN-Ourense ante o CN, e aclaración ante este das inxurias a un camarada sobre un roubo de cartos que se demostrou inexistente) que puxera sobre a mesa a propia Secretaria Xeral meses atrás a condición de que Ourense recuara no proceso orgánico por CGC que lle garantizaban os documentos congresuais. Ca promesa de estudar coas probas sobre a mesa cada aspecto do ataque liquidador que Ourense denunciaba, chama “curiosamente” a atención que a data final desta reunión fora unilateralmente decidida dende a dirección central ata unha semana despois da data límite na que trasladáramos, podiamos garantir unha asistencia constitutible de plenario como se solicitaba (debido a que, por unha banda, a composición estudantil do precolectivo maioritario contaba con varias camaradas de fóra da comarca de Ourense que ao remate do curso universitario non militaban nesta; e que por outra, o precolectivo “veciñal” non podía garantir a súa presencia en horario laboral mesmo un domingo, dada a xornada laboral de dúas das súas tres militantes). Logrando unha asistencia menor que a da propia delegación comarcal á primeira reunión en Compostela (tres camaradas fronte as catro daquela), o escenario estaba presto para lograr a tan ansiada “tabula rasa” que se pretendía dende a dirección ante un comité comarcal que mordera máis do agardado na anterior ocasión.

    Dende logo, a dirección logrará o seu obxectivo de saír de Ourense cunha folla que pechaba dunha vez por todas un tema que se paseara por máis dun ano polos “cartafois de problemas” das direccións galega e central da UJCE. O proceder non podía ser máis xarelo: SX e CGC deciden que o da recollida de probas que lle solicitaran á propia militancia de Ourense para o proceso (un completo dossier de centos de páxinas de documentos e correos aos que tiñamos acceso que se enviou como material anexo á CGC, e que citamos repetidamente no documento “carta CGC 5-3-2015”) ao sumo constituían “indicios” que terían a mesma validez que as declaración exculpatorias das camaradas acusadas (obviamente, sen considerar preciso darnos unha xustificación deste chamativo aserto mesmo ante documentos redactados da propia pluma das acusadas que se contradecían coas actas oficiais de sucesivos CN tal e como denunciabamos nas cartas). Deixando claro tamén que en ningún caso se procedería disciplinariamente contra as acusadas ao ocupar estas cargos de dirección intermedia que “non conviñan desestabilizar a un ano dun novo proceso congresual” e ante “as tarefas de orde práctica que debía priorizar a organización nos vindeiros meses no canto dunha nova conferencia nacional” (eleccións xerais, enténdase); conclúese finalmente unha fórmula que facía unha “crítica” de ámbalas partes recollendo nunhas liñas que a CPN cometera certos desatinos entendibles con respecto aos procesos de sectoralización que a militancia de Ourense “malinterpretara” como un ataque particular, cando en realidade “dábase a mesma situación no resto da organización galega” segundo declararon as camaradas acusadas. Fórmula que, entendíase dende a CGC-SX, facía “perder ás dúas partes” e permitía retomar canto antes unha actividade nesta comarca que quedara en parón indefinido durante os últimos meses á espera de recibir unha resolución deste proceso. Sinceiramente, cústanos traballo crer que a redacción deste documento e a chamada á nosa “disciplina leninista” a asumir o que nel se recolle, poidan realizarse senón en medio de gargalladas e brindes ao sol polas que saben, só lles queda a “perrencha” tralo acontecido e no “peor” dos casos, a súa baixa voluntaria do censo.

    “Perrencha” dixemos? Nada máis lonxe da realidade! Se se nos pon diante un muro na nosa militancia comunista debémolo derrubar, de nada serve dar cabezadas contra este cando o único que racha é a cabeza propia. Avanzamos resoltas foras do lameiro cuspindo sangue, mais avanzamos. Que é unha comunista sen vontade? Irónicamente, o sermos obxecto dun ataque deste tipo que suscitara esta precipitación, trouxo consigo o nacemento desta paixón colectiva das que non nos xogamos cuestións secundarias senón cruciais para o presente e futuro do movemento revolucionario, das que non atopamos paz na nosa conciencia por ter erguido a man e discutido cada dous meses nun comité nacional e cada tres anos nun congreso. En relación ao nivel dos problemas en discusión, unha violación da disciplina é pouca cousa; unha faise comunista por un compromiso máis profundo que o respecto das “regras do xogo”. Fumos empurradas, en resumidas contas, pola convicción de que debemos comprometernos a fondo sobre eses problemas, aclaralos antes que nada a nós mesmas, instaurar por consecuencia un debate permanente, non por gusto da discusión nin para conquistar inmediatamente a unha maioría, senón para atopar unha solución/síntese. É por iso que dixemos e repetimos que non era nin unha loita de fracción, nin moito menos unha loita cretina por obter privilexios na estrutura organizativa da UJCE o que nos interesaba, senón unha confrontación aberta, viva, aínda ruda, perigosa se fora necesario. Un erro que de calquer xeito reivindicamos no sentido de comprender este como parte intrínseca do proceso de coñecemento, e polo tanto, a imposibilidade de dirimilo dende o contraste dunha suposta lei universal do desenrolo social (como verdade absoluta) e o que coñecemos dela (a nosa práctica). Fóra dunha concepción que fala de traslados mecánicos dende esferas alleas ao suxeito (núcleo do economicismo apóloga do imperialismo do que saímos), consideramos as leis de transformación revolucionaria da sociedade como reflexo tanto do nivel de evolución material desta, coma do grao acadado pola loita de clases en xeral e polo proletariado como clase revolucionaria en particular; e xa que logo, a acción dos suxeitos sociais como factor obxectivo nesta unidade (nos que claro está, inclúese o proletariado coa concepción subxectiva que ten en cada momento de si mesmo, do seu papel social e do modo no que entende os mecanismos do progreso social e da revolución).

    Afirmamos pois que a conciencia subxectiva do proletariado é constituínte esencial da súa loita de clase, determina as formas que esta loita adopta e vese determinada á vez polo grao que a mesma acadou no plano histórico e por como a súa vangarda asumiu esas conquistas. Esta conciencia exprésase como teoría e como liña política, e polo tanto as variantes marxista e revisionista conforman as dúas caras dunha unidade dialéctica expresión interna na ideoloxía proletaria da loita de clases xeral entre proletariado e burguesía. De ahí que consideremos que nin o dogmatismo, nin a confianza na espontaneidade, nin a indulxencia fronte aos nosos hábitos, nin un orgullo coma grupo disidente poden axudarnos no propósito que nos marcamos con esta saída/disolución. A única vía, estamos convencidas, é a dunha dialéctica aberta no interior do movemento, dunha ampla circulación de ideas por modestas que sexan; do desenrolo en definitiva, da loita de liñas sen cuartel no movemento comunista ao igual que acontece na totalidade da materia social no seu estadio actual. Un carreiro que cómpre xa comezar a percorrer pese a que non se nos presente de todo claro. Non hai quen naza sabida! Ninguén crea ideas brillantes ao comezo, é absurdo! Toda idea nace ao comezo confusa e escura (que dicir no noso caso), e ata que chega a ser clara precisa tempo, feitos, acción transformadora. Apostamos certamente polo desenrolo teórico e examen crítico do noso pasado militante á luz da práctica real, pero neste non nos podemos permitir caer nin nun proceso de deducción teórica puro, nin nun empirismo inductivo total que ignore completamente a teoría. Os nosos primeiros pasos deben pasar agora por elaborar un plan que defina como realizar esa tarefa que nos propomos como principal, fóra xa da UJCE. Camiñemos.


    «nam oportet et haereses esse, ut et qui probati sunt, manifesti fiant invobis»





    En Ourense, a 14 de xullo de 2015
    DP9M
    DP9M
    Colaborador estrella
    Colaborador estrella

    Cantidad de envíos : 16767
    Reputación : 21296
    Fecha de inscripción : 16/06/2010

    Carta aberta da militancia da Xuventude Comunista en Ourense sobre a súa disolución Empty Re: Carta aberta da militancia da Xuventude Comunista en Ourense sobre a súa disolución

    Mensaje por DP9M Miér Jul 15, 2015 10:59 pm

    Hola y bienvenido JoseCarlos

    Le recomiendo leerse los links de mi firma para orientarse sobre como dar uso de una forma adecuada y productiva las herramientas de difusión del foro.

    Reciba un cordial saludo.
    Raziel
    Raziel
    Novato/a rojo/a
    Novato/a rojo/a

    Cantidad de envíos : 32
    Reputación : 34
    Fecha de inscripción : 16/05/2013

    Carta aberta da militancia da Xuventude Comunista en Ourense sobre a súa disolución Empty Re: Carta aberta da militancia da Xuventude Comunista en Ourense sobre a súa disolución

    Mensaje por Raziel Jue Jul 16, 2015 2:27 pm

    Muy acertada la critica. Contra el oportunismo hay que ser implacables y vosotros por lo que contais llegasteis al limite de esa lucha.

    Moito animo no camiño que escollades, compas! ;-)

    Contenido patrocinado

    Carta aberta da militancia da Xuventude Comunista en Ourense sobre a súa disolución Empty Re: Carta aberta da militancia da Xuventude Comunista en Ourense sobre a súa disolución

    Mensaje por Contenido patrocinado


      Fecha y hora actual: Vie Nov 22, 2024 1:03 am