Disculpad que no me pare a traducirlo. Creo que se entiende bastante bien, al menos lo suficiente para ver quien "está en el ajo".
http://praza.com/politica/1673/esquerda-unida-pide-a-union-da-esquerda-anticapitalista-nunha-syriza-galega/
Salud
Esquerda Unida aposta tamén por unha fronte común e abre a porta a confluír electoralmente coas "forzas de esquerdas anticapitalistas galegas". Así o manifestou este martes Yolanda Díaz, coordinadora xeral da coalición en Galicia, que avanzou que EU reunirase a partir da segunda semana de agosto na busca dun acordo electoral con dirixentes da FPG, Ecogaleguista e Anova, entre outras formacións. A candidata de EU á Xunta aspira a conformar unha "Syriza galega", á imaxe da exitosa unión electoral grega, unha confluencia que ve necesaria ao situarse o país "en tempos de excepción" e ante o "tripartidimos harmónico" do Parlamento.
"Estamos en tempos de excepción, no final dun réxime político; temos que conformar un novo suxeito político"
"Estamos en tempos de excepción, no final dun réxime político esgotado onde a estratexia do capital para desmantelar o estado de benestar e democrático está funcionando", asegurou este martes Yolanda Díaz na Coruña, onde apostou claramente por "convocar o pobo" a un "novo proceso constituínte" que remate na conformación cunha gran coalición electoral que inclúa "toda a esquerda anticapitalista galega", nunha proposta moi semellante á que xa fixera o líder de Anova, Xosé Manuel Beiras. Os primeiros contactos, tal e como aclarou a Praza a candidata de EU, serán coa FPG e cos Ecogaleguistas, pero incluirán tamén no futuro a Anova, Esquerda Anticapitalista, así como sindicatos e "todos aqueles colectivos sociais que estean dispostos a dar un paso adiante". "Temos que conformar un suxeito político novo. “A Syriza galega é imprescindible, a cidadanía esixe ás forzas de esquerdas unidade de acción, por iso apostamos pola elaboración dun programa mínimo común que sume e conflúa nunha fronte contra esta doutrina do shock”, engadiu.
"A xente de esquerdas que non forma parte dese tripartidismo harmónico (en referencia a PP, PSdeG e BNG) tería que confluír nesa Syriza galega", asegurou a Praza Yolanda Díaz, que semella excluír dun posible acordo ao Bloque. "Hai moita xente que bota de menos outra forza na Cámara galega que defenda a legalidade fronte aos poderosos no caso de Reganosa", puxo como exemplo para xustificar a súa aposta pola unión dunha esquerda allea ao actual arco parlamentario.
Así, Esquerda Unida recolle así a luva que desde hai meses levan lanzando varios dos dirixentes políticos integrados na Anova-Irmandade Nacionalista, que á vez acceden tamén a valorar a proposta de unión de forzas reclamada por EU desde hai meses. Non hai moito, foi Mariano Abalo, líder da FPG, concelleiro en Cangas e membro da coordinadora de Anova, quen manifestara a súa intención de loitar por que EU se integrase nunha fronte común de cara a futuras convocatorias electorais e seguindo así o exemplo de Alternativa Canguesa de Esquerdas, coalición na que nacionalistas e esquerda estatal comparten proxecto.
EU recolle a luva de Beiras, que pediu "unha fronte común de esquerdas" de cara ás eleccións autonómicas
O propio Beiras deixou clara en varias ocasións a súa intención de aunar esforzos de cara ás vindeiras eleccións autonómicas, máis aínda se se confirma a redución de deputados no Parlamento preparada pola Xunta. Así, e no acto inaugural de Anova polo Día da Patria, o líder da nova formación volveu suxerir a creación "dunha fronte común de esquerdas" na que estivese representado "todo o espectro da esquerda e do nacionalismo" entre o que incluíu "a esquerda estatal que recoñeza o dereito de autodeterminación do pobo galego", abrendo a porta á confluencia electoral con Esquerda Unida, e da que non vetou o BNG.
A chamada á unión da esquerda anticapitalista dificultaría a entrada de Compromiso por Galicia nunha hipotética coalición
Tamén Yolanda Díaz, líder de EU, abrira a porta nunha entrevista en Praza á confluencia da esquerda galega, aínda que con matices. "Nós sós non chegamos e precisamos tecer unha correlación de forzas, precisamos a moitos e moitas máis, máis ou menos de esquerdas, máis ou menos nacionalistas" dicía, tras aclarar que o obxectivo sería "tecer unha rede de abaixo a arriba na confluencia cun programa anticapitalista". A concelleira ferrolá amosábase disposta a acordos co movemento liderado por Beiras, aínda que poñía moitos máis reparos a unha colaboración con Compromiso por Galicia, onde se inclúen formacións algo máis afastadas da esquerda. "É difícil que EU poida confluír nun programa político con persoas que teñen un modelo económico e social tan diferente ao noso, pero nós imos seguir traballando para que existan confluencias", engadía.
“Poñámonos de acordo nun programa de mínimos”, repetía Yolanda Díaz pouco despois nunha entrevista a Radiofusión, na que optaba por "crear a Syriza galega". Ademais, EU deixaba claras as súas intencións xa a pasada semana, cando a través dun comunicado pedía apoios "cara a un novo proxecto de país" e no que facía un "un chamamento ao conxunto de entidades sociais e políticas a partillar esforzos para construírmos un proceso aberto, plural e anovador, un novo proceso constituínte, que devolva os poderes da soberanía popular á cidadanía e aos pobos que vivimos no Estado".
http://praza.com/politica/1673/esquerda-unida-pide-a-union-da-esquerda-anticapitalista-nunha-syriza-galega/
Salud